Wednesday 08 de May de 2024

O Concello acomete as obras para a peonalización definitiva da rúa San Leopoldo, na Agra do Orzán


En paralelo, habilitarase un acceso que conectará a rúa Gramela coa praza do Comercio, co obxectivo de mellorar a mobilidade na zona

O Concello da Coruña comezará esta semana os traballos para consolidar a peonalización da rúa San Leopoldo, situada na Agra do Orzán, dando un paso máis na liña de proxectos de humanización e mellora dos espazos públicos marcada pola alcaldesa da cidade, Inés Rey.

A peonalización definitiva da rúa San Leopoldo chega despois dunha experiencia piloto, vixente na actualidade, que comezou no Nadal do ano 2020, consensuada con cidadáns e comerciantes do barrio para favorecer a mobilidade polo distrito.

As obras de reurbanización en San Leopoldo permitirán que a rúa pase a ser de plataforma única, coa colocación de arboredo (11 exemplares) repartido en zonas axardinadas que estarán localizadas na franxa central da rúa. Ademais, atentendo á solicitude da Asociación de Veciños da Agra, executaranse traballos de pintura no firme para que as pequenas e pequenos podan dispoñer e gozar de xogos infantís de carácter educativo ao aire libre.

Ademais, a Concellaría de Urbanismo, Infraestruturas, Vivenda e Mobilidade que dirixe Juan Díaz Villoslada habilitará un novo acceso á praza do Comercio dende a rúa Gramela, para mellorar a mobilidade na zona.

Recuperación do conxunto escultórico de José Castiñeiras
As obras en San Leopoldo complementaranse coa elevación do cruzamento con Andrés Gaos, dando prioridade á mobilidade peonil, así como á seguridade e accesibilidade á zona.

Por outra banda, no contexto destes traballos de mellora no distrito, o Concello da Coruña aproveitará para recuperar a escultura de José Castiñeiras que estaba situada na rúa Barcelona e foi retirada hai unha década. A escultura volverá lucir na Agra do Orzán, dando continuidade á liña de restitución do conxunto escultórico de Castiñeiras durante o mandato de Inés Rey